Esbarantes Vermes de cores fluorescentes arrástranse polo subsolo. Metro de Tóquio. Arañeira Trenzada, flor de neon, gases nobres en redes de azul cobalto, violeta e morado. Engarza a cadea dos arabescos! Takadanobaba / Kudanshita / Aoyama-Itchome. No resplandor dos azulexos a tímida fantasmagoría de luz e sombra, atrapada, espectro do monstro babélico, unreal city, no glaseado da cerámica espello fumegante ou pota do piche e chumbo derretido, plásticos de deseño que flúen para forxar o molde dos ósos do Dinosauro Posmoderno, de espiña dorsal altas torres / no ar: un ziggurat tallado na perfecta xeometría de cristal, metal, formigón pre-tensado / e melodía de semáforos acesos. Ela, a cidade que encripta e retorce nun xeroglifo de Xano Bifronte, á vez museo de historia (anti)natural e gaiola. Ás veces, termiteira de cemento.
Resulta evidente que estás perdido. Tras saír á superficie, ves ao teu carón unha ringleira interminábel de autobuses urbanos e un panel informativo. Indescifrábel. Sobre a placa está debuxado un esquema de cuadrícula que se repite, monótono; escóltano uns caracteres xaponeses que, por suposto, es incapaz de ler.
De súpeto, sentes con intuición onírica que algo debeu de mudar, e uns pasos ao fondo, paréceche ver unha zona despexada con xardín. Camiñas cara ela, e ao virar unha esquina saltan á vista os cimentos pétreos da que fora a Torre Principal do Castelo de Edo. O aspecto deses cimentos resulta un chisco desacougante, xa que non evoca imaxes de orientalismo, non; é, pola contra, dunha sinxeleza acorde coas xeometrías da natureza e con algún deses monumentos de ladrillo que tanto che gorentan. Ou o CGAC compostelán, co que tamén comparte o acompañamento da herba, das árbores e das fontes.
[para CMT]
Etiquetas: FraVernero

Umm, o ambiente é totalmente do gosto do pastor, tan xaponés.
Benvido ás Historias Eléctricas.