4/30/2007
publicado por historias eléctricas ás 14:17 | Comentar
Comeza a historia...
Cóntannos que no principio foi a electricidade, e non o verbo. Que un raio caeu e insuflou vida na materia inanimada. Dende entón, o transcorrer da electricidade polas nosas historias só pode ser mal disimulado. Cando percibimos un son, ou cando tocamos outra pel, a sensación reprodúcese no cerebro através de impulsos eléctricos. Dalgún xeito eses impulsos forman unha cadea continua que se remonta ao momento no que dúas nubes chocan no ceo. Dalgún outro xeito, iso só apunta ao que moitos xa dixeron, que non somos máis que unha forma estrañamente evoluída de cyborgs, unha manda de replicantes sen orixinal. Deses impulsos eléctricos, da vontade de contalos, ou das faiscas dos seus golpes, como sombras de mundos que nunca veremos, nacen as nosas historias.

Este proxecto pretende conter ideas xeradas dende e para a rede, videopoemas, microrrelatos con ou sen imaxe, fotografía, hipertextos... pero sempre tendo presente o medio, sobre todo na forma pero tamén, se queredes, no contido. Todos estades invitados a participar, a crear e facernos chegar como unha corrente as vosas Historias Eléctricas.