A estación inmensa, inzada de xente e de cores, sumida baixo o abisal ceo de ferruxe, non é lugar para atoparse con ninguén. Pero eu sei que el está aquí, nalgures, buscándome entre o rebumbio para dicirme adeus. Así que percorro lentamente a chaira na procura duns cabelos familiares. Pasado un tempo, detéñome resignada ao pé dun vagón calquera.
A megafonía anuncia a partida inmediata do meu tren. A máquina fende o espazo como una muralla de diamante, implacablemente recta, cadrada, arestada, e pérdese en cada confín da estación. Atravesadas dun lado a outro, as vertixinosas liñas de fuga cospen en formación ducias de linguas mecánicas. As brandas vagas humanas lamben, en rítmicas palpitacións, a chapa impasible, e ao pouco, a plataforma fica baleira. Subo.
Atopo un asento libre ao carón da fiestra. Miro a árida chaira. Nas alturas, o mozo dun anuncio fítame ferozmente, como se me coñecese. Seica me está a falar; ten unha voz grave e agarimosa: “Liñas LT dálle a benvida ao noso tren LT-480. O tempo estimado de traxecto é de cinco horas doce minutos. A temperatura no exterior é de quince graos e chove lixeiramente. Se desexa amenizar a súa viaxe, pregámoslle consulte a carta de servizos que se atopa baixo o seu asento. Para calquera pregunta ou petición, pode dirixirse ao noso persoal de servizo. Que teña unha feliz viaxe.”
Esperto cando o vexo. Está fóra, diante da miña fiestra. Estouro en ledicia. Busco os seus ollos. El non acerta cos meus. Non pode verme. Da voltas desorientado. Busca nos escuros cristais tinguidos, e non atopa nada neles. Estou a cinco metros, pero é como se non estivese. Sei o que está a pensar: “igual estasme vendo, pero iso non me serve de nada; só me fai sufrir”. Igual debería correr a unha saída. Pero está tan preto que parece a piques de verme. Nese momento, bota a andar á beira do tren e desaparece.
Treme o vagón e péchanse as portas; imos partir. A máquina comeza a moverse lentamente, eu rabuñando na fiestra. Agora vai aparecer outra vez. Aparece. A súa mirada pérdese preto de min, baleira. De súpeto, ilumínase e sorrí. Nun intre, doume de conta de que me está a ollar, de que hai alguén do outro lado. De que un e outro estamos emparellados ollo con ollo. A mirada queda compracida, porque vén de volta. Tocámonos por un instante coma se fose unha milagre, e danos tempo a dicir adeus. Despois, afúndome lostregando na escuridade.

Marcel Duchamp, “O gran vidro” ou “A casada espida polos seus solteiros, mesmo”. (detalle superior: a casada)
Etiquetas: Agurdión
ás 28/04/2008, 04:45:00, busto.agolada
Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Tes información do programa de actos no seguinte enderezo:
http://blog-xuntanza.blogspot.com
ás 28/04/2008, 05:11:00, A rapaza do arco
Gustoume moito moito!! o rebumbio de xente, o tren, a idea da viaxe e a búsqueda ... gustoume :)
Sempre que se fala de vidros e de xente que se busca lémbrome inevitábelmente de Sábato, aínda que neste caso non teña moito que ver. Esa sensación de desacougo, ou case de angustía, de inentar achegarse a outra persoa e topar con algo que te separa dela e que porén, cha permite ver e case case tocar.

Encantoume o relato! Toda unha agradable sorpresa :) Ademáis alimenta as miñas filias cos trens, os cristais/espellos, os encontros/desencontros... Unha gozada, en suma.