8/01/2007
publicado por Mario ás 15:33 | Comentar
Que a cidade non durma

Farto do silencio, de que só de cando en vez pase un coche pola avenida como se fose o vento ou unha fantasma. Quero todas as cafetarías abertas a todas horas, poder entrar en calquera ás tres da mañá e pedir un café sen ter que agardar a que prendan a máquina ou chegue o rapaz da padaría cos curasáns. Poder cruzarme con alguén que non sexan os recolledores do lixo ou esoutras sombras que foxen rápidas ao sentir os pasos de calquera. Quero os cruces da avenida cheos de xente ás catro ou ás cinco da mañá, que haxa novas horas punta e bocinazos, e cabreos e repartidores de xornais. Que os obreiros saian das fábricas ás tres da mañá. Que a cidade non durma nunca. Sorteádevos as quendas, creade novos horarios, novas rutinas. Un fervedoiro é un fervedorio sempre, non para a descansar. Quero os voso balbordo insoportábel da mañá a todas horas, os vosos pés batendo sen parar no asfalto, como exércitos marchando.
E entón, cando as unllas da insomnia rabuñen os ollos dos meus irmaos, sairán dos sumidoiros a recuperar o que é noso.

Etiquetas: